Confianza no Arxil ante o seu primeiro desprazamento da tempada
Por Redacción
O seu bo debut ligueiro ante o Segle XXI barcelonés encheu de moral ao Club Baloncesto Arxil, que mira con optimismo o que será o seu primeiro desprazamento da tempada na Liga Feminina 2.
O conxunto pontevedrés visita este domingo (12:30 horas) a cancha do Universidad de Oviedo confiado en poder manter o seu bo nivel e confirmar así un arranque ilusionante.
Parte desa confianza vén do bo nivel mostrado pola fichaxe que estaba chamada a marcar a diferenza no xogo interior, a colombiana Tatiana Mosquera, a pesar de xogar sen apenas adestrar co equipo.
Agora, tras unha semana completa de adestramentos, desde o club aseguran que a súa adaptación co resto do grupo foi moi positiva, sumado a que as lesións polo momento respectan aos pesos pesados do equipo.
Só María González Centeno non puido realizar a pretempada por problemas físicos, pero a columna vertebral do plantel con Ana Román, María Lago ou Arantxa Mallou rendeu a bo nivel na estrea.
No bando contrario, o Universidad de Oviedo chega á cita tras encaixar na primeira xornada unha contundente derrota ante o Ensino de Lugo (81-53).