Unha vitoria para achegarse á parte alta da táboa, obxectivo do Arxil en Xixón
Por Redacción
Manter o bo xogo do derbi contra o Cortegada. Con esa intención retoma o Arxil a Liga Feminina 2 tras o parón do Nadal. Faino cunha visita ao Basket Mar Xixón, equipo ao que queren vencer para lograr o seu segundo triunfo consecutivo e achegarse aos postos altos da clasificación.
O encontro disputarase o domingo 7 de xaneiro, a partir das 12.30 horas, no pavillón La Tejorona da cidade asturiana.
Para este partido, o Arxil conta con todas as xogadoras do primeiro equipo, a pesar de que nos últimos días non puideron adestrar con regularidade por problemas co seu pavillón.
Viaxarán a Xixón as mesmas once xogadoras que derrotaron o Cortegada: María Lago, Carla Fernández, Cristina Díaz- Pache, Arancha Mallou, Jelena Budimir, Ana Román, Ana Martin, Chantel Charles, Aldara Vázquez, Noa Casalderrey e Fany López.
As pontevedresas terán enfronte a un Basket Mar Xixón que, a pesar da súa situación na táboa, mostrou unha notable melloría nas últimas semanas, o que lle levou a ascender á undécima posición con catro vitorias en doce partidos.
Mayte Méndez considera ao rival asturiano "un bo equipo que está a ir de menos a máis", polo que espera "un partido igualado que se decidirá no último cuarto". Entende que o equipo que consiga chegar máis fresco á parte final levará a vitoria "porque non creo que se vaia a romper antes".