O Peixe Galego trasládase unha xornada máis ao CGTD de Pontevedra
Por Redacción
O desterro ao que se viu obrigado esta tempada o Peixe Galego parece non ter fin.
Cando o club marinense esperaba volver definitivamente á súa pista de xogo do pavillón da Raña, os últimos detalles da reforma que se está acometendo nas instalacións obrigaron a un novo cambio de última hora.
Debido ao contratempo, o equipo adestrado por Javi Llorente mudarase de novo esta fin de semana ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para afrontar o seu partido da liga EBA.
Na cancha pontevedresa o invicto Peixe recibirá este sábado (17:15 horas) ao noveno clasificado do seu grupo, o Santo Domingo Betanzos, adiantando a hora fixada inicialmente (20:00 horas) ao coincidir co encontro de Liga Feminina 2 entre Arxil e Universidad de Oviedo.
Desde o club confían en que esta xornada sexa a última que teñan que afrontar fóra do seu pavillón, ao que esperan regresar o vindeiro sábado 27 de xaneiro para enfrontarse ao Innova Chef.