14 partidos de suspensión e 6 meses de inhabiltación ao adestrador do Ribadumia infantil por agredir a un árbitro
Por Diego Espiño
O Comité de Competición da Real Federación Galega de Fútbol castigou con dureza ao adestrador do Ribadumia infantil B, José Luis Rodríguez Lafuente, que foi expulsado no encontro enfrontou a pasada fin de semana ao Unión Grove por agredir "física e verbalmente" ao árbitro do encontro, segundo explica o organizamo reitor do fútbol rexional.
En concreto o adestrador abordou ao colexiado no túnel de vestiarios, ameazouno e agrediuno, segundo recolle o acta arbitral do partido.
Por estes feitos José Luis Rodríguez Lafuente foi castigado con 14 partidos de sanción e 6 meses de inhabilitación ao considerar o Comité de Competición que existe o agravante de reincidencia, xa que hai pouco máis dun mes foi sancionado con 7 partidos en calidade de xogador da categoría de veteranos.
A resolución de Competición computa dous partidos de sanción por dirixirse aos árbitros "en actitude de menosprezo" durante o partido, o que levou a súa expulsión, 12 partidos máis por abordar ao colectivo arbitral unha vez finalizado o choque e 6 meses de inhabilitación pola agresión ao colexiado.
Ademais establécese unha multa económica de 266 euros, ao que se une outra multa de 40 euros ao Club Deportivo Ribadumia por "alteración da orde do encontro de carácter leve".
A Federación Galega de Fútbol condenou nun comunicado "todo tipo de violencia, física ou verbal, que se produza nun campo de fútbol", congratulándose da decisión adoptada polo Comité de Competición.