O Teucro viaxa a Granollers sen Yoán Balázquez aínda que a lesión do lateral cubano queda nunha escordadura
Por Ramiro Espiño
Vicedecano contra o decano. O Teucro visita ao club que lle disputa o cetro de club con máis soleira do balonmán nacional, o Fraikin BM Granollers, en partido adiantado á xornada do fin de semana (mércores, ás 20:30 horas, Palau d` Esports de Granollers), un partido con nada que perder para os azuis e moito que gañar, aínda que acudirán con baixas importantes nas súas filas, especialmente a do máximo goleador teucrista, o cubano Yoán Balázquez, que tras os resultados da resonancia magnética á que foi sometido, sofre unha escordadura no xeonllo.
Sendo mala, a noticia é positiva, xa que descarta unha rotura do ligamento que con toda seguridade faríalle perderse toda a tempada. En canto aos prazos de recuperación aínda é pronto para establecelos, todo dependerá das primeiras sesións de recuperación, a partir de aí, Javier Martín, fisioterapeuta do Teucro, irá valorando cando regresará ás pistas o lateral cubano.
Con respecto ao partido en terras vallesanas, Quique Domínguez non dubida da dificultade do rival: "Enfrontámonos a outro equipo da zona alta, inmerso en competición europea, e que sen dúbida ten equipo para estar a próxima tempada na Copa EHF. Evidentemente estamos ante unha das saídas máis complicadas da tempada. Granollers posúe un plantel moi completo no que actualmente están a destacar dous xogadores por encima do resto, Bernatonis e Adriá Figueras."
O técnico teucrista, a pesar das lesións, está seguro de que o seu equipo está preparado para competir: "Viaxamos con algunhas limitacións por culpa das lesións pero preparados para competir e para loitar. Tentaremos facer as cousas ben para loitar polo partido. O que non faremos seguro é ir derrotados, isto é deporte e cando un sae á pista sempre ten que ir gañar."
A arbitraxe estará a cargo de Óscar Raluy López e Ángel Saboroso Ramírez (Canarias).
Relacionadas:
-
O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)
Por Redacción |
-
Badalada do Teucro en Granollers (26-28)
Por Redacción |
-
O xeonllo de Yoan Balázquez mantén en albas ao teucrismo
Por Diego Espiño |
-
O Teucro loita contra as adversidades pero cae nun cruel final ante o Anaitasuna (19-20)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O balonmán pide paso en pleno entroido coa visita do Anaitasuna ao Municipal
Por Diego Espiño |
-
Puntazo dun enorme Teucro en Guadalaxara (33-33)
Por Redacción |