O CW Pontevedra, campión galego xuvenil de waterpolo
Por Redacción
O sábado 24 de febreiro disputouse o Campionato Galego Xuvenil de Waterpolo na piscina da Escola Naval Militar de Marín. O CW Pontevedra levou o título de campión e con iso lograron clasificarse para o Campionato de España Xuvenil de 2ª categoría.
A xornada comezou cun triangular para chegar á semifinal, onde competiron o CW Pontevedra, o CW Santiago e o Marina Ferrol. Os cuartos tiveron unha duración de 5 minutos, a diferenza dos 7 habituais. Tras unha disputa inicial moi rifada, o marcador do CW Pontevedra e o CW Santiago indicaba a vitoria do primeiro cun 11-6.
O CW Santiago non se desanimou tras empezar dese modo e conseguía a vitoria no partido contra o Marina Ferrol, cun 7-5, a pesar de que os ferroláns ían na cabeza na primeira metade. A fase preliminar concluía co CW Pontevedra como gañador no partido contra o Marina Ferrol, cun 5-10.
Doutra banda, o CN Coruña e o RNC Vigo disputaban a semifinal, coa vitoria do RNC Vigo, cunha marxe de 7-13 no marcador.
Pola tarde, os equipos competiron polas medallas comezando pola de bronce, que gañou o CW Santiago fronte ao CN Coruña, cun resultado de 11-9. Ás 19:00 horas tivo lugar a esperada final entre o CW Pontevedra e o RNC Vigo.
O partido comezou coa vantaxe do RNC Vigo, ata que, no terceiro cuarto, o xogador Aarón marcaba 4 goles, deixando ao seu equipo nun 6-2. A clasificación para o Campionato de España era así para o equipo pontevedrés grazas ao 13-8 final.
Na entrega de premios estiveron presentes Antonio Traba, concelleira de deportes do Concello, Chelo Besada, deputada de deportes da Deputación de Pontevedra e Pablo Sánchez del Val, xefe de deportes da Escola Naval.