O Marcón cae goleado en Beluso e o Xuventú Sanxenxo dáse unha homenaxe ante o Nogueira de Ramuín
Por Redacción
O Beluso saíu vencedor dun dos duelos da xornada en Preferente e dá un paso de xigante cara á permanencia despois de vencer no seu campo a un Marcón que tivo todo ao seu favor (5-2).
O encontro comezou moi favorable aos pontevedreses, que se adiantaron aos 4 minutos por medio de Gelillo e que 20 minutos despois, cun tanto en propia porta, ampliaban a súa renda.
Con todo nun arreón os locais igualaron antes do descanso cos tantos de Julio Lorenzo e Ricardo Pazos.
Xa na segunda metade a igualdade foi a tónica ata o último tramo do encontro, no que un gol de Valiñas en propia meta, unido a outro tanto dos de Bueu só un minuto despois terminaron coa resistencia dos de Borja Burgos. Adrián Cidras, no 85, completou o resultado facendo o 5-2 final.
Desta forma o Beluso logra o seu segundo triunfo consecutivo e colócase noveno na clasificación con 40 puntos, mentres que o Marcón segue décimo terceiro con 35 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Marcón Atlético.
Golpe de moral para o Xuventú Sanxenxo, que recorta a 3 puntos a súa desvantaxe coa zona de ascenso directo despois de darse un festín de goles en Baltar de Arriba ante o Nogueira de Ramuín (6-0).
Os amarelos foron moi superiores ao seu rival, a quen empezou a dobregar co tanto de Aitor Gómez ao fío da media hora e o gol de Cristóbal xusto antes do descanso.
Na segunda metade Javi Nogueira encargouse moi pronto de terminar con calquera opción de remontada, completando a goleada outros dous goles de Aitor Gómez e outro de Hugo.
Co triunfo o Xuventú Sanxenxo é sexto con 54 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Nogueira de Ramuín.
O Unión Grove descólgase da zona alta da clasificación despois de encaixar no campo do Caselas (4-1) a súa terceira derrota consecutiva en liga.
O cadro meco adiantouse no marcador aos 11 minutos por medio de Eloy, pero dous goles de Pablo Piñeiro daban a volta ao partido antes do descanso.
Tras o paso por vestiarios, e cando os do Grove intentaban reaccionar, un penalti transformado por Manuel Lago supuxo un duro golpe, sentenciando os locais a falta dun cuarto de hora co 4-1 final.
Despois da derrota o Unión Grove é oitavo con 48 puntos.
Consulta a acta do Caselas-Unión Grove.
Terceira derrota consecutiva tamén para o Campo Lameiro, ao que parece que nada lle sae ben nas últimas semanas. Os verdes competiron ben a domicilio ante o Porriño Industrial (2-1), pero non lograron puntuar tras xogar case unha hora en inferioridade numérica por expulsión de Sergio no minuto 35.
Golpeou primeiro o equipo local aos 8 minutos de xogo, pero o Campo Lameiro logrou empatar á media hora con algo de fortuna. Despois chegaría a expulsión.
A pesar diso os da Chanciña presentaron batalla, e só un penalti no minuto 56 conseguiu desnivelar a balanza na súa contra.
Coa derrota o Campo Lameiro queda na décimo quinta posición con 31 puntos.