O Mapfre recobra a confianza no inicio da Etapa 8 da Volvo Ocean Race
Por Redacción
Recuperados da accidentada sétima etapa, a tripulación do Mapfre pelexa xa na Etapa 8 da Volta ao Mundo a Vela, a Volvo Ocean Race, con 5.700 millas náuticas de percorrido entre Itajaí (Brasil) e Newport (Estados Unidos).
O triunfo na regata costeira en Brasil, que consolidou o seu liderado particular nas 'In Port Series', devolveu a confianza ao equipo do Real Club Náutico de Sanxenxo, que o confirmou nos primeiros días de navegación na nova etapa.
Tras tres xornadas o desafío español pelexa polo liderado provisional nunha loita aguerrida co Team Brunel e o Dongfeng, estando os tres a menos dunha milla de distancia ás 15:38 horas deste martes.
"Estamos a navegar todos os barcos xuntos en liña recta, así que se consegues un pouquiño máis de velocidade nalgúns momentos é o que che vai a permitir escaparche un pouquiño, e se te escapas e consegues pasar unha nube mellor que os de detrás xa é algo que tes gañado. Os pequenos detalles son os que van marcar a diferenza", recoñece Pablo Arrate, compañeiro da pontevedresa Támara Echegoyen a bordo do Mapfre, sobre a oitava etapa da regata oceánica.
A falta de só catro etapas para o final da Volvo Ocean Race e cun só punto de diferenza entre Dongfeng e Mapfre, cada detalle pode ser decisivo no tramo final da competición.