Carla Goyanes, convocada para o Europeo junior de natación en augas abertas
Por Redacción
Os bos resultados que colleitou recentemente a nadadora pontevedresa Carla Goyanes levarana ata Malta. A deportista do Club Natación Galaico foi convocada polo equipo nacional para participar no campionato de Europa junior de augas abertas.
O Europeo, que se celebrará entre os días 13 e 15 de xullo, contará coa participación de Goyanes na proba de 7.500 metros, na que a pontevedresa se proclamou o pasado sábado subcampioa de España.
Terminou a proba en 1 hora, 38 minutos e 32 segundos, a só dous segundos da primeira clasificada, Aroa Silva. Carla demostrou un gran nivel durante a proba e defendeu a segunda praza ante a portuguesa Catia Agostinho.
Como paso previo á participación no campionato de Europa, o equipo nacional terá unha concentración no Centro de Alto Rendemento de Sant Cugat del Vallés (Barcelona), onde preparará a competición para tratar de lograr o mellor resultado posible.