A pretemporada do Pontevedra desvélase a ritmo de redes sociais. O Carballiño, próxima parada
Por Ramiro Espiño
O apagamento informativo case total que o Pontevedra impuxo desde a finalización da pasada tempada ao redor da planificación da campaña próxima a comezar, segue recibindo inesperados e puntuais raios de luz a través das noticias que chegan dos ex xogadores que anuncian as súas incorporacións a outros equipos ou mesmo de rivais que informan de partidos de preparación nos que se enfrontarán aos granates.
Son, por tanto, as redes sociais as únicas protagonistas dunha información que debería saír desde o mesmo club, quen por razóns que ninguén aclara mantén un hermetismo total sobre toda a actividade relacionada co equipo e as xestións que se realizan, cando estamos a menos de catro días para o inicio da preparación do equipo.
Se o Sporting de Gijón era o primeiro en confirmar que se enfrontará ao Pontevedra en Avilés o próximo 21 de xullo, a continuación foi o Club Deportivo Lugo o que anunciou que viaxará ata Pontevedra o mércores 25 de xullo, mentres que o sábado 28, en Moraña, o Pontevedra xogará o Torneo Carneiro ó Espeto, que gañara o ano pasado, nesta ocasión nun triangular con Celta B e Rápido de Bouzas.
A eses partidos únese agora o anuncio nas redes sociais do Arenteiro, do quinto partido de preparación que disputará o conxunto granate. Será no campo de O Espiñedo, fronte aos propietarios do terreo, con motivo da Festa do Polbo", o día 8 de agosto.
En canto aos movementos no plantel, a falta de confirmación oficial do "segredo a voces" que supoñen as fichaxes de Javi Pazos e Campillo, os únicos anuncios saídos desde o club limitáronse ás renovacións de homes fundamentais da pasada tempada, como Edu Sousa, Mouriño, Álex González, Adrián León, Álex Fernández, Kevin Presa e David Castro, mentres que nada se sabe da pretendida baixa de Dario Flores, que non quere regresar a España, nin tampouco da situación de Pibe, renovado por obxectivos, pero que podería saír ante a posibilidade de non contar con opcións de dispoñer de minutos.
A eses sete fixos súmanse Nacho López e Jesús Berrocal, ademais dos irmáns Juan e Jesús Barbeito, aínda que no caso do dianteiro cordobés, algunhas fontes próximas ao club apuntan a que a intención do Pontevedra sería a de rescindir o ano que queda de contrato, cuestión que se antolla complicada ante a súa elevada ficha e os seus discretos números na pasada tempada.
Luismi conta, por tanto, con só 10 homes, ou 13 no caso de que finalmente Dario Flores, Berrocal e Pibe continúen, para comezar ao traballo, pendente aínda de casos como o de Goldar, que podería ser o único dos restantes xogadores da pasada tempada que continuase, se se alcanza un acordo.
Polo que se refire ás altas, ademais das dos mencionados Javi Pazos e Campillo, as quinielas non deixan de aumentar cada día e os ofrecementos de xogadores tampouco. Moitos deles quedaron xa en meras especulacións e outros parecen estar bastante preto, entre eles, os que soan con moita forza son os de Romay (Fabril) e especialmente o que podería ser a fichaxe "estrela" do curso, o dianteiro Joselu Gómez.
O dianteiro de Ribeira, segundo fontes próximas ao xogador consultadas por PontevedraViva, podería estar moi preto de pechar a súa fichaxe polo club granate, en canto se desvincule do Racing de Ferrol. Ao parecer, o xogador ve con moi bos ollos vir a Pasarón, a pesar de ter unha oferta do Lugo, xa que prefire ser referente nun proxecto ambicioso, aínda que nunha categoría inferior, antes que un posible recambio na categoría de prata.
O que parece claro é que, cando a pretemporada bote a andar, o vindeiro mércores, Luismi terá aínda por diante bastante traballo para terminar de configurar un equipo que ilusione e aspire a realizar unha tempada sen apuros como a anterior, mirando cara á zona nobre da táboa. Mentres tanto, non estaría de máis que os responsables do club revisasen unha política de comunicación francamente mellorable.
Relacionadas:
-
Brillante posta en escena do Pontevedra 2018/2019 con oito caras novas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Goldar ficha polo Cornellá e tampouco estará nunha presentación granate que anuncia sorpresas
Por Ramiro Espiño |
-
Kevin Presa seguirá un ano máis no Pontevedra tras renovar o seu contrato
Por Alejandro Espiño |
-
Lugo, Celta B e Rápido de Bouzas verán as caras co Pontevedra en pretempada
Por Redacción |