O atletismo galego convoca por terceiro ano en Pontevedra a súa particular 'festa'
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva serán escenario da 'Festa do Atletismo Galego', competición que despide de maneira oficiosa a tempada autonómica en pista.
Serán máis de 200 os atletas que se darán cita o vindeiro xoves 26 de xullo nunha competición organizada por wel Club Atletismo Rías Baixas e a delegación pontevedresa da Federación Galega de Atletismo.
A actividade iniciarase ás 18:40 horas da tarde e prolongarase ata pasadas as 21:00 horas.
Espérase a presenza dalgúns dos grandes nomes do atletismo autonómico e mesmo o intento de batelos records de España en dúas distancias atípicas como os 150 metros e os 500 metros en categoría masculina.
A xornada servirá ademais de homenaxe a Luís López Basalo, propietario do Hotel Don Pepe, pola súa colaboración co atletismo local ao longo dos anos, sinalou na presentación do evento Gonzalo Méndez.