Támara Echegoyen e Fernando Echávarri, a dar o primeiro paso cara a Tokyo 2020
Por Redacción
Aarhus, en Dinamarca, convértese desde este xoves na capital mundial das clases olímpicas de vela, que afrontan un Campionato do Mundo que reparte as primeiras prazas por países para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.
Alí estarán dous pontevdreses como Támara Echegoyen e Fernando Echávarri, buscando achegarse aos Xogos xusto cando se cumpre o ecuador do ciclo olímpico.
Támara regresa ao 49er FX tras a súa experiencia na vela oceánica, na que se converteu na primeira española en completar a Volvo Ocean Race, e faino estreando compañeira de equipo, a mallorquina Paula Barceló.
Con poucos adestramentos ás súas costas e con aínda moito por mellorar, o dúo galego-balear buscará situarse o máis preto posible das primeiras prazas nunha clase que comezará o sábado 4 de agosto para afrontar 14 probas clasificatorias antes da Medal Race do próximo día 11. No 49er FX lograrán unha praza olímpica para o seu país os oito primeiros clasificados.
Se o sábado debutará Echegoyen, Fernando Echávarri farao o domingo no Nacra 17 xunto á canaria Tara Pacheco. Os actuais subcampións europeos teñen como obxectivo claro tentar finalizar no Top-8 que asegure un barco español en Tokyo dentro de dous anos.