O Arxil cae no terceiro parcial ante o Celta Zorka (66-52)
Por Sofía Lorenzo
Comezaron bastante forte as mulleres de Mayte Méndez contra o Celta Zorka no pavillón As Travesas de Vigo. Con todo, un mal regreso dos vestiarios fixo que o Arxil non se fixese coa vitoria na segunda xornada de Liga Feminina 2. Esta derrota supón para elas a segunda da tempada.
A diferenza da pasada xornada, as pontevedresas comezaron liderando o marcador. Aínda a pesar dun primeiro cuarto moi axustado, as viguesas non conseguiron superar ás visitantes, que se mantiveron firmes nas accións defensivas e souberon chegar á canastra rival (7-9).
O segundo parcial foi máis do mesmo. A igualdade foi a tónica dos seguintes dez minutos de xogo, nos que as do Arxil lograron manter a cabeza fría e metida no encontro e, ademais, superar ás anfitrioas no resultado. Desta forma, as de Méndez íanse ao descanso cunha vantaxe de tres puntos no marcador (21-24).
Tras o paso polos vestiarios todo foi costa abaixo. O partido deu un xiro de 180 graos a favor das viguesas, que conseguiron superar con fartura ás visitantes. A defensa do Arxil comezou a coxear, permitindo que as do Celta chegasen con moita máis facilidade ao aro. É por iso, que antes do cuarto final, estas últimas gañaban por nada menos que 19 puntos (50-31). Tan só 7 conseguiron sumar as de Pontevedra no terceiro parcial, fronte aos 29 das rivais.
Por fortuna, as de Mayte espertaron ante o resultado e, do mesmo xeito que no anterior partido ante o Mataró, fixeron unha gran remontada. Volveron meterse no xogo e a superar ás viguesas, que comezaron a deixar mostra do seu cansazo.
Con todo, a pesar dos grandes esforzos do Arxil, con boas accións de ataque de Arantxa Mallou e Gala Mestres, non conseguiu volver poñerse por enriba, dicindo adeus, unha vez máis, á vitoria esta tempada (66-52).
Relacionadas:
-
O Arxil dorme tras o descanso e cae ante o Aros de León (76-50)
Por Sofía Lorenzo |
-
Aínda tentándoo, o Arxil non logra impoñerse ante o Ibaizábal (54-72)
Por Redacción |
-
Intratable o Cortegada, que case dobra o Arxil no marcador final (88-52)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Segundo derbi consecutivo para o Arxil, que se enfrontará ao Cortegada en Vilagarcía
Por Redacción |
-
O Arxil non logra impoñerse ao recentemente ascendido Mataró (53-64)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |