Bo resultado de Carmen Gómez Cortés no Europeo sub-23 de tríatlon
Por Redacción
A pontevedresa Carmen Gómez Cortés logrou un bo resultado na súa volta ás competicións internacionais, participando no campionato de Europa sub-23 de tríatlon, que se disputou esta fin de semana na localidade de Eilat (Israel).
Rematou no posto número 12, tras completar a proba -que se disputou sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pé)- nun tempo de 02:16:54.
A gañadora foi a suíza Julie Derron, que cun tempo de 02:09:19 superou por só 24 segundos á tamén española Cecilia Santamaría, que colgou a medalla de prata. O terceiro posto foi para a británica Olivia Mathias.
Pese ao posto, Gómez Cortés non estaba contenta por como discorrera a proba, que transcorreu baixo unhas altas temperaturas.
Nadou mal -na primeira boia ía última- e a pesar de que despois conseguiu remontar postos, non foi suficiente para entrar no primeiro grupo.
Tocaba remontar na bicicleta, pero no seu grupo non contou con ningún apoio e así foi imposible recortar distancias, polo que os postos de arriba quedaron descartados.
Aínda así, fixo unha boa carreira a pé e logrou rematar nun bo posto. A triatleta pontevedresa, a partir de agora, comeza xa a pensar na próxima tempada.