A paratriatleta Susana Rodríguez conquista o bronce nos mundiais de acuatlón
Por Ramón Estévez
O pasado venres, a paratriatleta viguesa Susana Rodríguez comezaba unha maratoniana viaxe, que a levaría á cidade neocelandesa de auckland, para competir nos mundiais de paratriatlón en dúas probas. Na primeira delas, xunto á súa guía Mayálen Noriega, rematou no terceiro caixón do podio tralas británicas Melissa Reid y Charlotte Ellis cun tempo de 30 minutos e 1 segundo. A proba consistiu en dous segmentos: no primeiro, o da natación, as competidoras tiñan que nadar durante 1 km e posteriormente no do atletismo, correr 5 km por un percorrido moi plano na cidade. A particularidade do acuatlón é que suprime o segmento do ciclismo, obligatorio nas probas de paratriatlón.
Susana está moi unida á cidade de Pontevedra, xa que estudou fisioterapia e adestrou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Tras competir en atletismo e natación, dende 2010 faino no triatlón, no que xa conseguiu varios éxitos internacionais. O último deles foi gañar o campionato do mundo de duatlón na cidade francesa de Nancy.
O próximo día 22, de novo en Auckland, terá a oportunidade de competir na súa proba predilecta, o mundial de paratriatlón con contrincantes procedentes de Gran Bretaña, Nova Zelanda ou Estados Unidos.
Susana, que permanecerá tralas Antípodas ata o 10 de novembro, aproveitará tamén para coñecer un país que xa lle está a gustar. Á volta terá que retomar os seus actuais estudos, xa que Susana cursa cuarto curso da licenciatura en medicina en Santiago de Compostela.
A viguesa recibiu moitas felicitacións e ánimos para a próxima proba nas redes sociais, nas que compartiu a nova. Agora só queda agardar que o día 22 logre un novo éxito para un deporte que será paralímpico en Río 2016.