O Peixe rompe a súa boa xeira tras perder ante o CB Zamora (70-65)
Por Sofía Lorenzo
O Peixe Galego perdeu, esta fin de semana, o duelo directo ante o Club Baloncesto Zamora nunha xornada determinante para definir o alto da clasificación de LEB Plata antes da chegada de 2019.
Os marinenses, cuartos tras catro vitorias consecutivas e empatados a puntos (23) cos tres primeiros (entre eles o rival desta xornada), pelexaron no pavillón Ángel Nieto por afianzarse nos postos de play-off. Tamén se enfrontaron o Cantabria Ronsel e o Zornotza Saskibaloi (primeiro e terceiro, respectivamente). Este encontro finalizou con triunfo vasco, orixinándose, así, unha reestruturación da táboa e colocando aos galegos terceiros de grupo.
A primeira parte estivo definida pola igualdade entre os dous conxuntos. Aínda que durante o primeiro cuarto o equipo local estivese mellor en todas as facetas e acabase levándoo (14-10), un axuste defensivo e, sobre todo, un aumento de efectividade de lanzamento por parte dos pontevedreses conseguía, practicamente, igualar o marcador e facer que o partido se fose ao descanso cun resultado moi apertado (25-24).
Durante o segundo tempo o xogo continuou sendo moi parello dende o principio. Os de Javi Llorente conseguiron empatar e poñerse por diante en varias ocasións, ata chegar a alcanzar, mesmo, unha vantaxe de 6 puntos.
Con todo, os locais non tiraron a toalla. Aínda acabando por detrás ao termo do terceiro cuarto (48-51), lograron darlle a volta ao encontro nada máis comezar os últimos 10 minutos. A partir deste momento, o choque volveuse totalmente impredicible. Ambos os equipos adiantábanse continuamente no electrónico, facendo que calquera deles puidese levar os dous puntos.
Finalmente, o Peixe Galego non puido facelo. Uns últimos 2 minutos decisivos marcaron un resultado agónico, facendo que o cadro marinense morrese na beira (70-65).
Relacionadas:
-
O Peixe perde ante o Navarra pero mantense en postos de play-off (76-64)
Por Sofía Lorenzo |
-
Mes decisivo no Peixe Galego para tentar 'pasar o corte'
Por Redacción |
-
O Peixe comeza o ano con mal pé ante o Ávila (68-48)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe segue pelexando polo máis alto da táboa tras a vitoria ante o Baskonia (73-63)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego gaña en Plasencia e ascende ao segundo posto (65-69)
Por Redacción |