Galicia non pode con Valencia na despedida do Nacional sub16 e sub18 de Sanxenxo
Por Redacción
Confiaban en dar a sorpresa contra os favoritos, pero non puido ser. As seleccións galegas sub16 e sub18 de fútbol caeron contra Valencia por 0-1 e 0-2, respectivamente.
No partido sub16, Galicia comezou o encontro buscando sorprender os valencianos á contra e deixaron que os seus rivais controlaran o xogo. Así, non puideron evitar o gol de Alejandro Jiménez no minuto 19 que, ao final, resultaría definitivo.
Galicia apenas creou perigo nos primeiros 40 minutos. Unha falta directa de Hugo Novoa e unha internada de Axel, as dúas xogadas sen perigo real de gol, foron as únicas accións de mérito diante da portería valenciana. Mellorou despois do descanso con maior presenza en campo contrario e o partido equilibrouse aínda que sen ocasións claras.
Pola súa banda, a selección galega xuvenil fixo un bo partido ante os vixentes campións de España, se ben é certo que non creou ocasións claras de gol.
Foi un partido físico e parado, con alta intensidade pero sen continuidade no xogo. Galicia saíu con atrevemento e sen contemplacións e logrou marchar ao descanso sen encaixar goles.
Saíu mellor Valencia na segunda metade, controlando o xogo ata que chegaron os goles dun afortunado Fermín e, posteriormente, dun Baena, que aproveitou unha boa xogada á contra.
Con estes resultados, Galicia xogará a segunda fase do campionato de España de autonomías con tres puntos en cada categoría. Aínda ten opcións matemáticas de clasificación para a fase final pero dependen de gañar os dous partidos e do que suceda con terceiros.