Dous goles de Ceci fan posible o soño do Poio Pescamar que vence (0-2) en Rubí e ascende a Primeira División
Por Redacción
Goles para un sono. O sono de todo un pobo, o de Poio, que ansiaba ver as súas rapazas na máxima categoría do fútbol sala feminino. E os sonos ás veces cúmprense. As "rojillas" viaxaban a Rubi co hándicap da derrota do partido de ida, onde as catalás venceran por 3-4. Facía falta gañar onde ninguén o conseguira esta tempada, e facelo por unha marxe de dous goles, pero as xogadoras que adestra Marcio Santos demostraron sobradamente que os seus límites deportivos están aínda por chegar e Ceci foi a encargada de facer eses dous goles soñados, levando o delirio aos máis de 120 afeccionados galegos desprazados ata a pista catalá, e os centenares que na distancia empurraban con forza.
O Poio Pescamar estará a próxima tempada cos mellores equipos do fútbol sala nacional. O 0-2 final fixo sufrir ata o último segundo, pero pagou a pena. A explosión de xúbilo dos afeccionados galegos, que se meteran unha longa viaxe en autobús para acompañar o seu equipo nas bancadas do Pavillón de La Llana, mesturouse con bágoas de alegría. Logo chegou o tempo para a celebración. As rapazas fixeron pasar pola ducha ao adestrador, Marcio Santos, e ao Presidente, Juanjo García Camiño. Por diante un longo viaxe de volta, pero ninguén pensaba no cansazo, se non en chegar a Poio e celebrar a xesta conseguida.
En canto ao partido as "rojillas", que xa demostraran na ida que podían, deixaron os nervios que os traizoaron hai unha semana atrás e levaron a iniciativa dende o comezo. Ceci abría o marcador aos 6 minutos. Carmen, a sorpresa táctica de Marcio, substituíndo a Nerea, fixo o partido da súa vida, botando o cadeado ao seu marco. O Poio premía arriba e sentíase seguro. O segundo gol de Ceci daba a vantaxe xusta para conseguir o sono do ascenso. Era o minuto 16 de partido, pero quedaba un mundo.
Nos últimos minutos o Rubí estrelou dous balóns nos postes
A segunda parte foi para sufrir. O Rubí tomou o mando, pero máis polo repregamento voluntario do Poio, que se encontraba cómodo xogando á contra, que por impoñerse no xogo. Iso si, os últimos minutos foron tremendos. Un gol deixaba o Poio co mel nos labios, e entón tamén apareceu a chamada sorte dos campións. Onde non chegou Carmen, fixérono os postes, que repeleron dous remates das catalás. Así, xogando co resultado favorable e as présas locais, chegouse ao final e ao delirio.
Mentres os afeccionados se resistían a abandonar o pavillón para emprender a longa pero feliz viaxe de regreso, as xogadoras, técnicos e directivos do equipo pasaban a noite en Barcelona. Mañana toca madruga para tomar o avión, pero o máis probable é que esta noite pouco se durma. O equipo, por se algún afeccionado quere acudir a recibilo, chegará ao aeroporto de Santiago arredor das 8,30 da mañá, e a Poio sobre as 11 horas.
O equipo fará unha "rúa" de homenaxe o domingo polas rúas de Poio, con inicio ás 19:00 horas, na Ponte da Barca
Pero para que todo o pobo poida aplaudir as campioas, o equipo fará unha "rúa" de homenaxe o domingo polas rúas de Poio, con inicio ás 19:00 horas, na Ponte da Barca, trasladándose ata Raxó para regresar e finalizar o percorrido no Pavillón da Seca.
U.E. RUBÍ (0): Nerea; Meritxel, Laura, Nona, Sandra -cinco inicial-, Mónica (p.s.), Arantxa, Ana, Alba, Tosti, Laia e Ainhoa.
POIO PESCAMAR F.S. (2): Carmen; Ceci, Charo, Claudia, Elena -cinco inicial-, Nerea (p.s.), Mar, Bibi, Yoli, Anita, Tania e Kiko.
Árbitros: Alberto Centeno e Jordi Centeno (Barcelona). Amoestaron a Ana e Nona (2, descualificada a falta de poucos segundos para o final).
Goles: (0-1) Minuto 6: Ceci. (0-2) Minuto 16: Ceci.
Incidencias: Pavillón Municipal de La Llana (Rubí). Cheo, con presenza duns 120 afeccionados do Poio.