A Raña, sede da ximnasia acrobática española durante tres xornadas
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O pavillón da Raña acolle, por cuarto ano consecutivo, a Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática, que este ano chega á súa décima segunda edición, unha vez máis, con carácter de Copa de España (unha competición que se desenvolve cada dous anos). A proba, que comezou na tarde deste venres e alongarase ata o mediodía do domingo (14:00 horas), está organizada polo club Vila de Marín, co apoio da Federación Galega de Ximnasia.
Nesta ocasión, un total de 425 ximnastas, procedentes de clubs de Galicia, Madrid, Valencia, Asturias e Portugal, desprazáronse á localidade marinenses para tomar parte no xa tradicional evento deportivo, fronte aos ao redor de 350 do pasado ano. Así, a celebración da Copa 2019 é todo un éxito no referente a participación.
Sobre os favoritos do torneo, os equipos do club pontevedrés Treboada, os vigueses do Flic Flac e os ourensáns do Escola Burgas, entre outros, son os aspirantes para finalizar nas mellores posicións. Pola súa banda, o país luso, un dos principais referentes mundiais na devandita modalidade, achega a, para nada pequena, cantidade de once clubes ao campionato.
Desta forma, o bo ambiente entre todos os ximnastas e o alto nivel da competición fan que o Concello aposte, ano tras ano, por continuar acollendo dita cita, que, ademais, ten entrada libre e gratuíta a calquera interesado.