Mal inicio de fase de ascenso para o Peixe Galego ao caer ante Villarrobledo (76-85)

© Diego Torrado

© Diego Torrado
Non puido comezar con bo pé o Peixe Galego a segunda fase da tempada na liga LEB Prata, encadrado no grupo que pelexará polo ascenso de categoría, ao perder este mércores na Raña ante o Villarrobledo.
Contaba con varias incógnitas Javi Llorente nos locais por culpa dos problemas físicos, pero puido finalmente recuperar pezas e só Randy Onwuasor perdía a cita.
A pesar diso, o Peixe non entrou do todo ben no partido. Un triplo de Badmus e un roubo e contragolpe de Sevillano (5-2) parecían presaxiar un inicio positivo, pero enseguida o Villarrobledo tomou a iniciativa da man dun acertado Arturo Fernández (9 puntos no primeiro cuarto e 21 ao descanso) chegando a abrir unha brecha de 9 puntos (13-22).
A falta de acerto, a pesar de contar con tiros en boa posición, non permitía neutralizar aos visitantes. Por sorte desde o tiro libre e cunha canastra forzada de Orellano o Peixe minimizaba danos ao termo dos primeiros 10 minutos (19-24).
Con todo o segundo parcial seguiu a mesma dinámica e a intensidade defensiva visitante, unido aos fallos no lanzamento, facían que a renda do Villarrobledo seguise crecendo ata os 10 puntos cos que se alcanzaba o tempo de descanso (45-55).
Se se chegaba nun momento delicado ao intermedio, peor se puxo ao comezo do terceiro parcial, cun 0-7 de saída que ampliaba a distancia a 17 puntos. Non atopaban o camiño os de Javi Llorente para facer dano á defensa visitante, aínda que o seguían tentando. Tanto é así que cunha mínima reacción pechábase o cuarto (54-66).
Esas mellores sensacións tiveron continuidade ao comezo dos últimos 10 minutos, cunha canastra de Sevillano e outra de Vashil Fernández que obrigaban ao técnico do Villarrobledo a parar o partido (58-66). O Peixe cría na remontada e seguía reducindo aos poucos ata poñerse, cun triplo de Romero a só 5 puntos (63-68). Nese momento os visitantes lograron repoñerse con dúas triplas consecutivas, de Eneogwe e Nesbitt que terminaron coa esperanza de conseguir o triunfo. Aínda así o equipo marinense non se deixou levar e chegou a poñer o 75-81 a falta de dous minutos, pagando despois o esforzo.
Consulta as estatísticas do Peixe Galego-CB Villarrobledo.
Partido entre Peixe Galego e Villarrobledo
Primeiro partido da fase de ascenso á liga LEB Ouro disputado no pavillón da Raña
© Diego Torrado
Relacionadas:
-
Ao Peixe Galego escápaselle no último cuarto un partido vital ante o Almansa (82-90)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Primeira vitoria do Peixe nos play-off ante o Básquet Girona (63-70)
Por Redacción |
-
Desvelado o camiño do Peixe Galego cara ao ascenso a LEB Ouro
Por Diego Espiño |
-
Demoledora derrota do Peixe ante o Círculo Gijón, que pelexa pola permanencia (104-78)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe Galego, lanzado á pelexa polo ascenso tras superar o Zornotza na Raña (84-73)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |