Torredonjimeno, seguinte parada do Froiz na Copa de España
Por Redacción
Excedido o ecuador da competición, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz busca un resultado reparador na Copa de España Elite e Sub-23 que lle faga esquecer as lesións das súas principais espadas.
O conxunto pontevedrés estará este domingo 31 de marzo na Clásica Ciudad de Torredonjimeno, en Xaén, sexta cita puntuable da Copa.
Será unha carreira esixente, con 175 quilómetros de percorrido rompepernas nos que destacan dúas ascensións, unha de 1ª categoría no quilómetros 106 (8 quilómetros de subida e 8% de media), e outro de 2ª categoría no quilómetros 120 de carreira.
Dúas dificultades montañosas nas que os corredores do Froiz tentarán dar o nivel para situarse entre os mellores.
Diego González repetirá como xefe de filas en Torredonjimeno acompañado de Diego Noriega, Aaron Mariño, Aitor Bugarín, Guillermo García e Abel Franco.