Javi Otero asina contrato co Pontevedra e será presentado o xoves como primeira fichaxe granate
Por Ramiro Espiño
A xornada do martes foi intensa na sede do Pontevedra. Se pola mañá Milo Abelleira pechaba os últimos flocos da contratación de Nando como adestrador, a primeiras horas da tarde chegaba a primeira fichaxe para a próxima tempada. Trátase de Javi Otero, centrocampista de 24 anos, procedente do Betanzos, que era pretendido por Compostela e Rácing Villalbés, e que regresa ao Pontevedra onde xa xogou en categoría cadete.
As xestións co xogador mantíñanse dende hai semanas. Milo xa mostrara o seu interese por contar cos seus servizos na tempada recentemente finalizada, sen poder lograr o seu concurso. Agora, especialmente tras callar dúas boas actuacións nos dous partidos que o conxunto betanceiro xogou contra o Pontevedra ese interese acentuouse, acelerando as xestións para lograr os seus servizos os contactos que tanto o Villalbés coma o Compostela realizaran para fichalo.
O xogador, que pode actuar como mediapunta ou extremo, comezou a súa carreira futbolística no fútbol base do Villalonga, club do que o seu pai é un dos seus xogadores históricos. Pasou a súa etapa de cadete no Pontevedra e con 16 anos foise ao Valencia xuvenil. Logo militou no Ribarroja, Benidorm, Onda, todos eles da terceira división levantina, para pasar regresar a Galicia e xogar no Montañeros, en Segunda B, e a pasada tempada no Betanzos, despois de rexeitar unha oferta do Racing de Ferrol, co obxecto de compatibilizar o fútbol coa finalización dos seus estudos de INEF na Coruña.
Javi Otero será presentado oficialmente como novo xogador granate en Pasarón o próximo xoves, nun acto no que non sería de estrañar que tamén se fixese pública algunha outra incorporación.