A elite do atletismo galego compite este sábado en Pontevedra
Por Manu Otero
Claudia Rojo, Leticia Gil, Mauro Triana, Víctor Gallego ou Jean Marie Okutu son só unha pequena mostra do amplo elenco de atletas que se darán cita este sábado nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a disputa do Campionato Galego de Atletismo en categoría absoluta, que celebra este ano se 86ª edición en categoría masculina e a 52ª en categoría feminina.
Máis de 400 atletas galegos, aínda que tamén participan deportistas portugueses e ingleses, competirán ao longo de toda a xornada en Pontevedra polo título autonómico dunha vintena de disciplinas. "Galicia ten un gran nivel en probas de fondo e cada vez mellor en probas de pista", declarou o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, na presentación do campionato que tiven lugar este xoves na cidade do Lérez, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial, Gregorio Agís, a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro; o delegado da Federación en Pontevedra, David Ferrer; e o presidente do Comité Galego de Xuíces, Eloy Bretal.
A competición comezará ás 10.30 horas da mañá coa final dos 5 quilómetros marcha masculina e feminina, á que lle seguirán os 5 quilómetros. A sesión matinal en pista pecharase coas finais de 800, 100 e 400 metros valas. Ao mesmo tempo disputaranse tamén as finais de lanzamento de martelo feminino, disco e peso; e os saltos con pértega e de altura masculino, asou como o de lonxitude feminino.
A sesión de tarde dá comezo ás 17.30 horas coas finais masculinas de lanzamento de martelo e triplo salto e, a continuación, os saltos de altura, tripla, lonxitude e con pértega ademais do lanzamento de xavelina. A partir das 18 horas, terán lugar as finais de 100, 200, 400 e 1.500 metros lisos. Aos que lle seguirán as finais dos 100 e 110 metros valas, os 3.000 obstáculos e as probas de relevos de 4x100 e 4x400 pecharán o campionato.