O Cisne avanza na Copa Galicia á conta do Teucro B (19-33)
Por Redacción
Impúxose a lóxica e non houbo cor no partido de oitavos de final da Copa Galicia de balonmán que enfrontaba a Cisne e Teucro B. Os brancos foron moi superiores non dando opción algunha ao filial teucrista ao que superaron por un rotundo 19-33.
Era o primeiro partido de pretemporada dos de Jabato, que acudiron ao Multiusos da Xunqueira coa intención de adestrar, pero tamén mentalizados para non meterse en problemas e conseguírono desde o asubío inicial.
A seriedade con que o Cisne entrou no partido permitiulle poñerse con tres goles de vantaxe antes de que se cumprisen o primeiros cinco minutos. A partir de aí, a pesar dos intentos dos azuis, a diferenza foi crecendo para chegar ao descanso cun contundente 12-21.
A pesar de que Jabato utilizou a segunda parte para facer rotacións e dar minutos aos seus xogadores máis novos, o Cisne seguiu mandando, asentado nunha sólida defensa, logrando vencer con comodidade (19-33) e obter a clasificación para cuartos de final.