Javi Gómez Noya, terceiro do mundo tras a Gran Final das Series Mundiais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A cidade suíza de Lausana acolleu, esta fin de semana, a Gran Final das Series Mundiais, nas que o galego Javi Gómez Noya pelexaba polo seu sexto título nesta competición, pero tivo que conformarse co bronce, que conseguiu ao terminar a proba na sexta posición, por detrás do seu compañeiro Mario Mola, que se fixo co título de subcampión.
O galego saíu da auga ao mesmo tempo que o noruegués Kristian Blummenfelt e por diante de Mola e Alarza. Con todo, perdeu algúns segundos na primeira transición, que lle afectaron durante o traxecto en bicicleta. Despois de 01:00:44 que lle levou terminar o segundo tramo da competición mundial, non lle custou facer o cambio para comezar a última parte. Mola conseguiu destacar na mesma, o que lle permitiu cruzar a liña de meta en segunda posición, alzándose coa medalla de prata.
Pola súa banda, Gómez Noya non o fixo ata un minuto e once segundos despois, logrando subirse ao terceiro banzo do podio mundial. O ouro, pola súa banda, foi para o francés Vincent Luis, que finalizou xusto antes do español.
Así, Mola e Javi Gómez Noya conseguen que, unha vez máis desde 2007, España estea presente no top tres da competición, agora con 22 medallas, das cales 11 pertencen ao galego.
Consulta os resultados da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.