Recuperar sensacións, obxectivo do Peixe Galego no peche da primeira volta
Por Redacción
O pavillón marinense da Raña será escenario este venres (21:00 horas) do último partido da primeira volta na Liga LEB Ouro para o Peixe Galego, que recibe o HLA Alicante.
Os de Javi Llorente tentarán recuperar sensacións para lograr a súa terceira vitoria da tempada e recobrar impulso na pelexa pola permanencia na categoría.
O técnico poderá contar con todo o plantel á súa disposición, tras baleirarse a enfermería durante as últimas semanas.
Esa circunstancia, cunha maior rotación en pista, non impediu as dúas derrotas consecutivas coas que chegan á cita os de Marín, que agora si esperan elevar o seu rendemento ante un rival tamén recentemente ascendido pero que transita nunha cómoda novena posición (8-8).
O cadro alacantino presentarase na Raña como máximo encestador da categoría e coa maior porcentaxe de acerto en tiros de dous (54%).
O partido adiántase a este venres ao unificarse a xornada para establecer que equipo acompañará ao Valladolid na Copa Princesa.