Xa hai calendario para a División de Honra Prata: o Teucro debutará o 14 de setembro na casa contra o Pozoblanco
Por Alejandro Espiño
Xa coñecemos o calendario da División de Honra Prata Masculina para a tempada 2013/2014, categoría na que volverá competir a Sociedad Deportiva Teucro. A sede da Real Federación Española de Balonmano acolleu este venres o sorteo do calendario de competición. Os pontevedreses debutarán o 14 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes. Xogarán na casa contra outro dos históricos da categoría, o Pozoblanco.
A primeira xornada da División de Honra Prata é a seguinte:
BIDASOA IRUN | HANDBOL BORDILS |
BM. BARAKALDO | BM. TORRELAVEGA |
AMENABAR ZKE | F.C. BARCELONA "B" |
S.D. TEUCRO | BM. POZOBLANCO |
SERVIGROUP BENIDORM | MMT SEGUROS ZAMORA |
BM. SINFIN | MERIDIANO ANTEQUERA |
ARS PALMA DEL RIO | EREINTZA AGUAPLAST |
SOLLA Y CIA CHAPELA | BM. ALCOBENDAS |
Outras citas que o Teucro marcará en vermello no calendario serán os derbis co Chapela. Serán o 17 de novembro (novena xornada) en Chapela e o 23 de marzo (vigesimocuarta xornada) en Pontevedra. Os pontevedreses despedirán a liga o 11 de maio de 2014 tamén na casa. Neste caso contra o Barcelona B, vixente campión da categoría.
Podes consultar o calendario completo de competición na páxina web da Federación Española de Balonmán.
En todo caso, podería haber algún lixeiro cambio. O Academia Octavio, ao que lle invitaron a cubrir a praza que deixaba o Atlético de Madrid en ASOBAL, non satisfixo as cantidades económicas esixidas, polo que sairá a competir en División de Honra Prata. Tras renunciar a dita praza o Palma do Río, probablemente sexa o Bidasoa de Irún o que xogue a próxima tempada na máxima categoría.
De ser así, os vigueses ocuparían o seu lugar no calendario. Os dous partidos contra o Teucro xogaríanse o 8 de decembro (xornada 12) en Pontevedra e o 13 de abril (xornada 27) en Vigo.