O CW Pontevedra pon en marcha o seu segundo programa de formación para deportistas
Por Redacción
Un coloquio titulado Intelixencia emocional: aptitude e actitude na práctica deportiva inaugurará este venres o programa de formacións complementarias deseñadas polo Club Waterpolo Pontevedra para este ano. A partir das 18.30 horas no salón de actos do edificio da Xunta en Benito Corbal, Jose Tellería, docente especializado na organización de empresas, márketing e dinámica emprendedora, ademais de presidente do club, será o encargado de dirixir a charla.
Non será unha acción formativa illada debido a que esta conferencia está incluída nun ciclo formado por outras tres exposicións relacionadas coa ética deportiva, o voluntariado social ou a igualdade e prevención da violencia machista no deporte. Unhas xornadas cuxa data está aínda por definir.
É o segundo ano consecutivo no que o CW Pontevedra organiza este programa de formación complementaria co apoio da Concellería de Deportes do Concello de Pontevedra. "Nos seus máis de vinte anos de historia, a filosofía na que se sustenta a razón de ser do club, a súa misión e os seus obxectivos, máis aló da consecución de bos resultados, é que nós non só formamos waterpolistas, sobre todo formamos persoas", explica o presidente Tellería.
Aínda que as charlas estaban orientadas aos deportistas e familiares do club, a directiva recolleu a luva lanzada polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao declarar a asistencia aberta a todas aquelas persoas interesadas.
O acceso ás mesmas será por tanto gratuíto ata completar aforo sendo o único requisito enviar unha copia do DNI á dirección de correo electrónico info@waterpolopontevedra.com. A adxudicación das mesmas realizarase por orde de entrada das solicitudes.