Un inicio de tempada en clave galega para o Arxil e o Cortegada na Liga Feminina 2
Por Redacción
A Federación Española de Baloncesto (FEB) sorteou este xoves o calendario de competición para a próxima tempada e a Liga Feminina 2, cuxo inicio está fixado para o próximo 3 de outubro.
O sorteo deparou un curioso inicio de curso para os clubs da comarca, empezando por un Club Baloncesto Arxil que se enfrontará nas catro primeiras xornadas de liga a catro dos outros cinco equipos galegos da categoría.
As pontevedreses abrirán fogo cun dos favoritos ao ascenso, o Baxi Ferrol, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, para enfrontarse despois en xornadas sucesivas e por esta orde a Maristas Coruña (fóra), Celta (casa) e Rosalía (fóra). O quinto dos duelos rexionais fronte ao AD Cortegada de Vilagarcía terá lugar tamén pronto, na xornada 6 (7 de novembro) en Pontevedra.
O Arxil pechará a fase regular o 27 de marzo na súa pista recibindo o Ardoi.
Pola súa banda o Cortegada estrearase tamén na casa, en Fontecarmoa, precisamente ante o Ardoi, para xogar despois de maneira consecutiva contra todos os equipos galegos: Baxi Ferrol (fóra), Maristas Coruña (casa), Celta (fóra), Rosalía (casa) e o propio Arxil. As de Vilagarcía finalizarán tamén a primeira fase na casa, recibindo á Agrupación Deportiva.
A Liga Feminina 2 estará o próximo curso dividida en tres grupos de 14 equipos cada un, cunha primeira fase de ida e volta. Os catro primeiros de cada grupo clasificaranse para o play-off de ascenso á máxima categoría, mentres que os últimos clasificados e o peor antepenúltimo descenderán á Primeira Nacional.
Consulta aquí o calendario completo do Grupo A de a Liga Feminina 2 para a tempada 2020/2021.