O Club Deportivo La Peña, de 'rodaxe' en tempos de COVID
Por Redacción
Coas competicións deportivas paradas e á espera de saber cando poderán retomar a plena actividade, no Club Deportivo La Peña pasáronse por uns días ao terreo audiovisual.
A entidade marinense protagonizou estes días a gravación dun vídeo promocional, realizado polo produtora Trece Amarillo.
Foron, explica a produtora, catro días de rodaxe en diferentes espazos do municipio no que participaron máis de 50 persoas e nas que se adoptaron estritas medidas de seguridade e hixiene.
Entre estas medidas os deportistas do club participantes a modo de actores deberon cumprir co distanciamento social usando ademais as máscaras a excepción do momento de rodaxe da toma. Ademais desinfectouse o balón antes e despois de cada toma, así como os equipos gravación.
Unha nova experiencia para xogadores, dirixentes, pais e tamén afeccionados que xa agardan ansiosos coñecer o resultado final do anuncio, á espera de poder regresar máis cedo que tarde á cancha de fútbol sala.