O Medio Maratón de Pontevedra, unha "proba piloto" para testar o protocolo de eventos deportivos ao aire libre en Galicia

Por Redacción
Despois de "moitas reunións e traballo", o Medio Maratón de Pontevedra segue adiante coa intención de poder celebrar a súa XXV edición o vindeiro domingo 18 de outubro.
Así o explicou o director da carreira, Víctor Riobó, na presentación oficial da mesma celebrada este venres no Teatro Principal.
"Vai ser unha proba piloto", explicou Riobó sobre o protocolo elaborado e que cualificou de "moi seguro e moi claro", e é que "se todo sae ben pode ser o inicio de tentar que haxa máis eventos e máis probas en calquera deporte noutros concellos de Galicia".
Entre outras medidas esa normativa establece saídas de dous en dous corredores cada 15 segundos e distancias de seguridade no circuíto que deben ser de dous metros cara aos lados e 10 metros cara adiante e atrás. "O circuíto está deseñado para que se poidan cumprir esas normas", sinalou.
O Medio Maratón dará comezo ás 9.00 horas da mañá e constará de dúas voltas a un circuíto que transcorrerá, desde Xosé Malvar, pola Illa das Esculturas e o campus universitario, afastado nesta ocasión do centro urbano.
"Queremos pedir a todo o mundo que se faga todo con moito coidado e precaución, teñamos sentidiño", declarou pola súa banda a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro.
Na presentación estivo presente o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen sinalou que a proba "foi tratada con moito mimo", e tamén o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, para quen "o deporte ten que ser seguro", polo que sacar adiante esta proba popular con todas as garantías posibles supón "un día moi importante".
A inscrición no XXV Medio Maratón de Pontevedra, debido ao COVID, limitouse nesta ocasión a 300 deportistas.
Relacionadas:
-
O Medio Maratón de Pontevedra abre inscricións para a súa edición de 2021
Por Diego Espiño |
-
Alejandro Fernández e Edymar Brea, campións dun Medio Maratón de Pontevedra que desafiou á covid-19
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Activan un operativo especial de tráfico con motivo do Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
240 corredores participarán no Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
Un Medio Maratón limitado a 300 participantes e con prioridade para empadroados e clubs da cidade
Por Diego Espiño |
-
O Medio Maratón de Pontevedra non quere faltar á súa cita e anuncia a súa XXV edición para o 18 de outubro
Por Diego Espiño |