Un mal arranque de segunda parte condena ao Teucro fronte ao Gijón Jovellanos
Por Ramiro Espiño
Dous tempos ben diferentes e un resultado lóxico dada a calidade do visitante de quenda na pista do Municipal, pero que ben puido ter distinto final e acabar en sorpresa, de non ser por dez minutos fatídicos ao comezo do segundo periódo que lastraron de forma insuperable ao Teucro, facilitando a vitoria dun Gijón Jovellanos que non pareceu tan fiero como o pintaba a súa condición de líder invicto.
O certo é que o primeiro tempo foi nivelado, discorrendo entre un permanente intercambio de goles, sen que ningún dos contendentes lograse rendas superiores aos dous tantos, cunhas defensas 6-0 absolutamente permeables e nula achega en ambas porterías, cousa lóxica por outra banda cando os defensores pecaban de "amabilidade" cos lanzadores rivais. O problema para o Teucro, no entanto, empezaba a quedar patente e é que salvo Rial ninguén parecía capaz de soltar o brazo con perigo, mentres que os gijoneses repartíanse a tarefa, facendo gala da súa maior profundidade de banquiño.
Así as cousas, o que algúns prevían como un paseo asturiano fronte a un Teucro con ausencias e xogadores lastrados por molestias físicas, transformouse no descanso nun hálito de esperanza. O Gijón sufría, debendo recorrer a ataques larguísimos, nos que soubo tirar de oficio para evitar que a parella arbitral (moi mal nesta faceta do xogo) sinaláselles nin unha soa acción de xogo pasivo.
Pero comezou a segunda parte e con ela unha especia de mini calvario azul. Difícil é gañar un partido marcando únicamente nove goles en trinta minutos, pero máis difícil aínda o é si tardas máis de oito minutos e medio en facer subir o primeiro tanto ao marcador, ou si tan só consegues facer tres goles nos últimos quince minutos.
O Xixón deu entrada no seu portería a Vallado, apertou máis o seu defensa, a Rial encolléuselle o brazo e ao resto de xogadores teucristas simplemente caeulles encima das súas cabezas unha espesa néboa mental que lles impedía ver porta.
Parcial de 0-4 para o cadro astur de saída, en sete minutos e medio, que irían administrando con oficio os visitantes. O Teucro fixo só dous goles nos primeiros catorce minutos deste segundo período e aínda así tivo opcións de vitoria. Coma se o Xixón empeñásese en manter vivo o choque, unha serie de erros encadenados dos visitantes permitirían aos homes de Javier Barrios achegarse a só un gol (22-23) a falta de cinco minutos.
Nin con esas. Nese espazo de tempo o Teucro seguiu negado en ataque e como os gijonenses contaron coa compracencia arbitral para facer de cada ataque unha historia interminable, nin sequera a mixta de Didac Villar sobre Costoya serviu para evitar unha curta pero amarga derrota.
S.D. TEUCRO: Juan Bar; Toño Fernández (3), Alejandro Pombo (2), Miguel Porto (3), Tomás Moreira (3), Rial (6), Didac Villar (3, 2 de penalti) - sete inicial -, Gonzalo (p.s.), César Arman, Aaron, Carlos Pombo, David Chapela (2), Siscu (1) e Sío.
B.M. GIJÿN JOVELLANOS: Ignacio; Costoya (5), Paraja (2), Pellitero (3, 1 de penalti), Acetti (5, 2 de penalti), Pablo Fernández (1), Prendes (3) - sete inicial -, Vallado (p.s.), Ruesga (3), Fernández, Horta (2), Fernando, Andel Paraja (2) e Maxi Cancio.
Árbitros: Alfredo Arcos Adeva e ÿscar García Camino (Madrid). Excluíron por dous minutos a David Chapela, Miguel Porto (2), Tomás Moreira, Pablo Fernández (2), Prendes (2) e Maxi Cancio (2).
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 6-4, 7-6, 8-9, 11-12, 14-14 (descanso), 14-17, 16-18, 17-20, 20-22, 22-23 e 23-26 (final).
Incidencias: Pabellón Municipal dos deportes de Pontevedra. Ao redor de trescentos espectadores.