Xunta e Concello de Vilagarcía únense para reformar o pavillón de Fontecarmoa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A reforma do pavillón vilagarcián de Fontecarmoa segue dando pasos cara adiante. O último salto produciuse este martes despois da reunión entre o alcalde, Alberto Varela, e o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, na que selaron o seu compromiso para facer realidade o proxecto.
A intevención será moito máis ambiciosa que unha mera reparación de defectos. "Significará case construír un poavillón novo", recoñeceu o rexedor, antes de enumerar actuacións nos vestiarios, nas instalacións eléctricas, no saneamento, na cuberta, no illamento, no peche perimetral, nas estancias interiores ou na eficiencia enerxética.
Polo momento descoñécese aínda a contía do investimento, que se dará a coñecer unha vez finalizada a auditoría que están a realizar estes días os técnicos. Unha vez redactada a memoria, ambas as partes citáronse para outro encontro no que prevén seguir avanzando na tramitación do proxecto.
Nos últimos meses xa se realizaron intervencións de mellora nas instalacións do pavillón, como a maquinaria da piscina, as pistas de tenis ou a habilitación dun novo espazo de aparcamento.