Rufo entra na convocatoria do Pontevedra para medirse ao Celta B
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol recupera a un dos seus guerreiros máis destacados para o importante partido deste sábado (16.00 horas, TVG2) no municipal vigués de Barreiro fronte ao Celta B.
Alí estará Rufino Familiar Sánchez, 'Rufo', acurtando os prazos de recuperación marcados no parte médico tras danarse o ombreiro esquerdo no duelo contra o Racing de Ferrol. Despois de someterse a unha resonancia que confirmou unha escordadura acromio-clavicular de grao I-II, o club falou de "entre 3 e 4 semanas" de recuperación, o que situaba a súa reaparición no horizonte máis próximo do 7 de febreiro, ante o Zamora.
Con todo o ariete madrileño non quere faltar a unha cita que, tras cinco xornadas sen gañar e tres derrotas consecutivas, ten aura de finalísima para non verse descolgado da pelexa polos tres primeiros postos da clasificación.
"Sus sensaciones están siendo buenas y hay que contar con él. Está entrenando con bastante normalidad", confirma o adestrador do Pontevedra, Jesús Ramos, tras incluílo na convocatoria do equipo.
Desta forma e tras tres encontros, xusto as derrotas do equipo na liga, o técnico estará en condicións de recuperar á súa dupla ofensiva, Rufo e Charles, nun campo de Barreiro que lle trae bos recordos, xa que alí estreouse fai máis dun ano como primeiro adestrador do Pontevedra, por aquel entón de maneira interina.
Coa inclusión do 9 na lista, só quedan fóra os lesionados Adrián Cruz e Romay xunto ao sancionado Xisco Campos. Precisamente a substitución do central, posiblemente por Pol Bueso, será outra das novidades do once, ao que tamén apunta por primeira vez Damià Sabater.
"Tenemos que volver a ser nosotros mismos e intentar revertir esta situación, somos los únicos que la podemos cambiar", recoñece Ramos asegurando que "si somos capaces de ganar las cosas desde fuera se verán de otra manera".
Todo o que non sexa unha vitoria podería facer saltar polo aire o proxecto, aínda que o técnico segue confiando no traballo realizado desde a pretempada. Por iso mantén que "los resultados tarde o temprano van a llegar, el problema es que no hay tiempo y tenemos que ir sí ó sí a por los tres puntos. Ojalá se vea a un Pontevedra que muerda".
En fronte estará un Celta B que foi de menos a máis esta tempada pero que chega á cita tras superar un gromo de covid que lles tivo case dúas semanas no dique seco, sen adestrar en grupo. "No sé en qué estado van a estar", sinala Jesús Ramos, pero "nos tiene que preocupar su manera de jugar".
Un partido en definitiva no que estarán en xogo moito máis que tres puntos.
Relacionadas:
-
Barreiro, onde todo empezou para Jesús Ramos
Por Diego Espiño |
-
Competición confirma o partido de sanción a Xisco Campos tras a súa expulsión fronte a Unionistas
Por Redacción |
-
Situación límite no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un erro na acta arbitral deixa no aire a sanción de Xisco Campos tras a súa expulsión en Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Inxusta derrota do Pontevedra fronte a Unionistas (1-0) que o deixa na UCI
Por Diego Espiño |