Pontevedra terá un equipo na Liga Galega de Fútbol Gaélico
Por Diego Espiño
A febre do fútbol Gaélico esténdese por Galicia e Pontevedra non se quedou atrás.
O Pontevedra Fútbol Gaélico, tras a súa presentación o pasado mes de xuño, é xa membro da Gaelic Athletic Association (GAA), o que o faculta para competir a nivel autonómico e estatal.
O primeiro é que o equipo lerezano competirá na Liga Galega, que completan o Fillos de Breogán da Coruña, o Irmandinhos da Estrada, Mecos do Grove e Estrela Vermella de Santiago, aínda que como recoñece Nacho Martínez, representante do Pontevedra FG, ese número podería crecer nas próximas datas: "se están organizando equipos en otros sitios como Vilagarcía, Valdeorras o Betanzos".
A día de hoxe son 25 os xogadores federados no club, aínda que seguen abertos a que máis xente probe a experiencia: "la gente prueba, se engancha y ya no quiere salir".
A parte negativa destes meses é que o club segue esperando unha contestación do Instituto Municipal de Deportes á petición de tres horas semanais de campo na Xunqueira para poder adestrar: "falta oferta de instalaciones en Pontevedra, nos dirán algo el martes o miércoles. Tienen prioridad los equipos que llevan años, eso es normal".
Cando arranque a Liga Galega deberá xogar "probablemente en Poio o Marcón", pero antes A Xunqueira 2 acollerá o próximo sábado un partido amigable ante o Mecos do Grove. Será ás 20:00 horas.