Caldas de Reis aposta por converterse en "espazo trail running"
Por Redacción
Converter Caldas de Reis nunha referencia no trail de montaña é o obxectivo co que traballa o Concello de Caldas, tras anunciar a súa intención de crear un "espazo trail running" cunha estación homologada con servizos e circuítos para a práctica deste deporte.
"Somos unha vila excelentemente comunicada, polo que nos configuramos como un espazo óptimo para a posta en marcha desta iniciativa", defende o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González.
En concreto o proxecto contempla como punto de partida a creación no termo municipal de dúas de trail, coa idea de poder ampliar a oferta co resto de concellos próximos.
A primeira delas, de iniciación, constará de 10 quilómetros comunicando o Monte de Santa María coa Pedra Filga, cun total de 460 metros de desnivel positivo e costas de entre o 15 e o 20% de desnivel. Pola súa banda para corredores máis experimentados proponse outro roteiro no Monte Xiabre con 42 quilómetros e un desnivel acumulado de 2.076 metros, todo iso con pendentes que poden alcanzar o 30%. Estes roteiros contarán cunha marcación específica mediante balizas de dirección.
Desta forma téntase atraer a Caldas tanto aos deportistas que se estean iniciando no trail de montaña como aos veteranos, completando a oferta cos servizos propios da vila como "aloxamentos turísticos, establecementos gastronómicos e temos unha chea de recursos turísticos, culturais e patrimoniais que deste xeito tamén potenciaremos e poñeremos en valor", sinala o edil caldense.
O Concello encargou á empresa especializada Sendemansu a elaboración dun proxecto técnico para a estación de trail e as súas posibles rutas, un proxecto que avanzan será presentado proximamente e que buscará apoio nas comunidades de montes e contar con financiamento de institucións como a Deputación e a Xunta de Galicia.