O Supermercados Froiz pon fin a unha semana inesquecible cun quinto posto de Pablo Alonso na Volta Comarca Brigantina
Por Redacción
Despois dun día inesquecible na Copa de España, os ciclistas do Supermercados Froiz puxéronse a camisola para disputar a Volta Comarca Brigantina en Betanzos.
A iso das 10:00 horas do domingo comezou a proba, unha carreira rápida con 129 quilómetros de subida e baixada continuas e con tres postos puntuables nos quilómetros 45, 70 e 117.
Todos os corredores saíron moi rápido e no primeiro porto un grupo dunhas 25 persoas colleron vantaxe respecto ao pelotón, pero a falta de 10 quilómetros para o porto foron neutralizadas.
Aproveitando a situación, os homes da escuadra alimenticia tentaron romper o bloque atacando no último porto, pero non foi suficientemente duro para marcar diferenzas e todos os equipos estaban listos para preparar aos seus sprinters.
Finalmente, o primeiro do Froiz en alcanzar a meta foi Pablo Alonso, que chegou quinto. Daniel Jiménez, pola súa banda, chegou en décimo quinta posición, sendo o vencedor da Volta Comarca Brigantina o corredor das Rías Baixas Miguel Fernández.
Punto e final a unha fin de semana inesquecible para o Supermercados Froiz, que afronta 15 días de merecidas vacacións para cargar pilas e afrontar da mellor maneira a recta final da tempada.