A Preferente mantén o formato en subgrupos e botará a rodar o 19 de setembro
Por Redacción
A Federación Galega de Fútbol fixo público esta semana o sistema de competición da categoría Preferente que, se a situación sanitaria o permite, comezará o día 19 de setembro. O formato é o mesmo que o da pasada campaña, cos 50 equipos rexistrados divididos en dous grupos (norte e sur) que, á súa vez, divídense noutros dous subgrupos seguindo na medida do posible criterios de proximidade xeográfica.
O sistema de competición dividirase en dúas fases. Na primeira, os equipos participantes enfrontaranse a dobre volta. Os que acaben nos cinco primeiros postos de cada subgrupo accederán ao grupo de ascenso da segunda fase. Os que clasifiquen do sexto ao duodécimo ou décimo terceiro, pasarán ao grupo pola permanencia da segunda fase.
Para os clasificados para o grupo de ascenso, o segundo tramo de competición, no que participarán dez equipos, consistirá nunha competición a dobre volta no que os equipos procedentes do subgrupo A enfrontaranse unicamente aos procedentes do subgrupo B. Será unha liguiña de só 10 xornadas na que os equipos comezarán cunha puntuación fixa calculada en base á puntuación obtida na primeira fase.
Así, os primeiros de cada subgrupo comezarán con 6 puntos, os segundos, con 4; os terceiros, con 3; os cuartos, con 2; e os quintos, con 1.
Ao concluír as dez xornadas, os dous primeiros clasificados conseguirán o ascenso directo a 3ª RFEF, sendo en total catro os equipos que conseguirán o ascenso (dous do grupo norte e dous do grupo sur). Mentres que á fase previa da Copa do Rey clasificarase o vencedor da eliminatoria entre os terceiros dos grupos norte e sur.
Os equipos que competirán na fase pola permanencia serán 15, que quedarán divididos en tres subgrupos de cinco equipos cada un. A competición desenvolverase a dobre volta cun total de 10 xornadas. Do mesmo xeito que no grupo polo ascenso, os equipos iniciarán esta segunda fase cunha puntuación fixa concedida en función da clasificación coa que terminaron a primeira fase.
Os sextos empezarán con 7 puntos, os sétimos, con 6; os oitavos, con 5; os novenos, con 4; os décimos, con 3; os undécimos, con 2; os duodécimos, con 1; e no caso dos décimos terceiros, con 0.
Descenderán os dous últimos clasificados de cada un dos subgrupos, que suman un total de seis descensos no Norte e outros seis descensos en Sur. Ademais, os descendidos que caian a Preferente desde a 3ª RFEF conlevarán o habitual "efecto arrastre".
A competición empezará o 19 de setembro para os subgrupos de 13 equipos e o 26 de setembro, para os de 12 equipos. A primeira fase rematará o 20 de marzo para todos os subgrupos e a segunda comezará o 27 de marzo para concluír a competición o 29 de maio. A eliminatoria para a previa da Copa do Rey queda fixada para o 5 de xuño.
Os equipos das comarcas de Pontevedra, Arousa e O Salnés inscritos este ano na competición, e encadrados no subgrupo A de o grupo sur, son: CD Ribadumia, Céltiga FC. Juventud Cambados, Vilalonga FC, Umia CF, Portonovo SD, CX Sanxenxo e Pontevedra B. Así como os morracenses CD Beluso e CD Moaña xunto cos vigueses da Gran Pena FC e CD Valladares.