Marín fixa para o 4 de outubro o inicio de tempada das súas escolas deportivas municipais
Por Redacción
As Escolas Deportivas Municipais de Marín 2021-2022 xa teñen data de inicio.
Será a partir do 4 de outubro cando comece a actividade, de maneira progresiva, nas diferentes modalidades propostas. É unha das conclusións da reunión de traballo e coordinación que mantiveron os edís Antonio Traba e Antonio Caíña cos clubs interesados en participar no programa formativo.
Antes, o 10 de setembro, está previsto realizar unha presentación oficial das escolas que se adaptará ás circunstancias sanitarias, separando por distintos puntos da localidade as exhibicións das modalidades deportivas.
En total serán 23 esas opcións para nenos e nenas de entre 5 e 14 anos: atletismo, baloncesto, boxeo, tenis, fútbol, fútbol sala, ciclismo BTT, piragüismo, vela, judo, natación, patinaxe, remo, taekwondo, xadrez, ximnasia rítmica, ximnasia artística, ximnasia acrobática, tríatlon, pilates, hip hop, waterpolo, bádminton, pádel e tenis de mesa.
A cota anual para participar en calquera destas escolas mantense nos 50 euros, avanza o Concello de Marín.