Un ciclista de Cerdedo-Cotobade escalará a altura do Mont Blanc subindo varias veces ao Monte Seixo
Por Redacción
O ciclista amateur do lugar de Vilarchán (Quireza), no municipio de Cerdedo-Cotobade, Iván Quintela recibe o apoio do Concello no seu reto bautizado como “Mont Blanc Solidario” e que consistirá en alcanzar acumulativamente os 4.810 metros de altitude emulando a altura que ten o mítico monte alpino franco-italiano.
O reto solidario terá lugar este sábado 25 de setembro e comezará ás 9.30 horas desde a praia fluvial de Cerdedo cunha ascención por estrada e en bicicleta, entre 8 e 10 veces continuadas, ata conseguir o desnivel citado, que en distancia superaría os 100 quilómetros de percorrido.
Segundo Iván Quintela, a fin deste reto, máis alá do deportivo, vai tamén orientado a visibilizar o padecemento dos enfermos de cancro para os cales esta proba permitirá incentivar unha recadación de fondos para donar integramente á Asociación Española Contra o Cancro, “causa que considero moi loable, importante e necesaria para o cal presto toda a miña colaboración”, indicou o ciclista.
Durante a realización deste reto, Iván Quintela estará acompañado en varias fases do ascenso por un grupo de amigos ciclistas así como pola súa familia que se manterá ao seu carón para darlle ánimos nesta iniciativa solidaria que representa unha importante mostra de sacrificio deportivo e humano.