A marinense Irene Trabazo, líder do ránking nacional cadete de ciclocrós
Por Redacción
A deportista do Club Ciclista Marín, Irene Trabazo, comezou de xeito inmellorable a tempada de inverno na especialidade de ciclocrós, na que se situou líder do ránking nacional cadete tras disputarse as primeiras probas do calendario.
Irene comezou a competición hai tres semanas impoñéndose na primeira das sete probas da Copa Federación, un circuíto que se pechará no mes de decembro en Valencia.
Ademais a moza marinense logrou gañar en Llanes, Asturias, nunha carreira nacional na que pretendía preparar a tempada, e no Trofeo de Ciclocross Diputación de Burgos celebrado o pasado fin de semana.
O obxectivo de Irene Trabazo fíxase no campionato de España da especialidade que se disputará na localidade castellonenca de Segorbe do 10 ao 12 de xaneiro.
Antes Irene seguirá nuns días o seu calendario de competición en Karranza, País Vasco, nunha proba de carácter internacional.