O Arosa visita Avilés coa "ilusión de sumar tres puntos onde aínda ninguén o conseguiu"

Por Diego Espiño
Saída complicada para o Arosa, que este domingo (12.00 horas, Estadio Román Suárez Porta) visita a un invicto Real Avilés, segundo clasificado con 13 puntos.
"É un equipo feito para ascender, que fichou creo a 17 ou 18 xogadores" analiza Jorge Otero, aínda que iso non mingua a confianza do técnico nos seus coa "ilusión de sumar tres puntos onde aínda ninguén o conseguiu".
No cadro arlequinado viaxan "convencidos do partido que queremos facer, o que estamos a facer e tentando sumar tres puntos", sobre todo tras quitar a pasada xornada "esa laxa de levar tres derrotas consecutivas, gañamos un pouquiño de tranquilidade", recoñece o técnico.
Para sumar, en todo caso, "temos que estar defensivamente a moi bo nivel", defende Otero.
Será un encontro especial para o dianteiro arosista Luís Nuño, avilesino e que pasa a presión aos seus paisanos. "Os que teñen que propoñer son eles que son os que están na casa", asegura.
Ademais das baixas de longa duración de Róber e Álex Cobo, o Arosa deberá sobrepoñerse a outras dúas ausencias por problemas musculares, as de Campillo e Álvaro Denis.
O encontro será arbitrado polo navarro Alejandro Morilla Turrión.