Fin á máscara no deporte autonómico para maiores de 12 anos e adeus ao rexistro de asistentes
Por Redacción
A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia deu o visto e prace á actualización dos protocolos 'Fisicovid DXT Galego' elaborados por varias federacións deportivas para adaptarse á situación actual, entre as que se atopan por exemplo o fútbol e o baloncesto.
No que respecta ao primeiro destes deportes, o de maior número de licenzas da comunidade, a Real Federación Galega de Fútbol debullou as claves desta actualización.
A principal novidade é que os maiores de 12 anos que acrediten dispoñer do certificado de vacinación con pauta completa, ou certificado de recuperación, poderán adestrar e xogar sen necesidade de usar máscara nin de realizar un test previo. No caso de non cumprir estes requisitos, si haberá que pasar un test de detección da covid dentro das 72 horas antes do partido. Pola súa banda os menores de 12 anos, é dicir, as categorías prebenxamín, benxamín e alevín, si deberán seguir usando a máscara.
Outro dos puntos destacados, ante os problemas xerados nalgúns lugares, deixa de ser obrigatorio o rexistro das persoas que entren nas instalacións deportivas.
Por último permitirase a partir de agora o uso dos bancos de suplentes con normalidade, aínda que no caso de non poder manter distancia de seguridade será necesario contar con máscara no seu interior.