O Pontevedra queda só na persecución ao Unión Adarve
Por Manu Otero
Final de ano na Segunda RFEF. A última xornada do ano 2021 no grupo primeiro desta categoría confirma, despois dos tropezos en forma de empate de Compostela e Navalcarnero, que o Pontevedra é o único equipo capaz de manter o pulso polo liderado á sorprendente Unión Adarve, que segue imparable despois de vencer en inferioridade numérica ao Mariño.
Para derrotar ao Salamanca, cuxa posición en postos de descenso pouco se corresponde co seu xogo e as súas estatísticas, os de Ángel Rodríguez tiveron que empregarse a fondo. "Tivemos moita aproximación, moita posesión de balón, xogamos moito en campo contrario e fomos en todo momento a buscar o partido. É certo que foi un partido complicado cun rival que está nunha zona da táboa que non merece. Poderiamos ter empatado", recoñeceu o técnico granate na sala de prensa do estadio Helmántico.
A inercia positiva que leva o Pontevedra foi un dos aspectos que fixo decantar a balanza ao lado visitante. "A eles vinos mellor que outras veces, pero estamos nun bo momento e cada vez entenedemos máis o que necesitamos para gañar", declarou satisfeito o preparador leonés.
Rodríguez aproveitou a súa comparecencia para animar ao seu rival e facer unha breve valoración do ano nesta primeira tempada da 2ª RFEF. "É unha categoria complicada, nós empezamos facendo moi bo fútbol e non conseguiamos vitorias, vénche a ansiedade, os xogadores empezan a ter dúbidas, a xente de fóra empeza a ter dúbidas, a prensa empeza a xerar dúbidas e iso é unha rémora para o equipo", lembra o adestrador, quen cre que o Salamanca está inmerso nese círculo pero que "debería estar moito máis arriba".
A falta dunha xornada, que se disputará durante a segunda fin de semana de xaneiro, para pechar a primeira volta. O Unión Adarve segue dominando a categoría con 37 puntos despois de ceder só unha derrota e catro empates. Os madrileños manteñen aínda un cómodo colchón de cinco puntos co Pontevedra, que acumula cinco triunfos consecutivos e lograron distanciarse esta semana de Compostela e Navalcarnero, que quedan a 8 e 10 puntos do Adarve e descólganse da carreira por liderado.
Relacionadas:
-
O Pontevedra vai "de cabeza" polo ascenso
Por Manu Otero |
-
Merecidas vacacións para o plantel do Pontevedra ata o día 28
Por Manu Otero |
-
Última alegría do ano do Pontevedra vencendo o Salamanca no Helmántico (1-2)
Por Redacción |
-
"O equipo máis en forma" contra o menos goleado e goleador
Por Manu Otero |