Duelo de "gallitos" en Pasarón entre Pontevedra e Deportivo B
Por Ramiro Espiño
Os dous teóricos favoritos ao campionato de Terceira División fronte a fronte. Terceiro partido nunha semana. Pontevedra e Deportivo B veránse as caras o domingo (17:00 horas) en Pasarón, nun dos enfrontamentos máis atractivos sobre o papel da tempada, baixo a dirección arbitral do colexiado vigués, David Iglesias Melón.
Sen tempo practicamente para dixerir o sucedido o xoves, e cunha sóla sesión de traballo para preparar o partido, Manu Fernández encóntrase cos efectivos xustos, ante a baixa de Benja, que se une a esa longa lista formada por Fran Fandiño, Pablo Lede, Javi Otero e Tubo, compensada pola volta ao equipo de Candela, tras o descanso preventivo que lle deu o técnico no partido ante o Rápido de Bouzas.
Ademais, as inclemencias do tempo na mañá do sábado, condicionaron notablemente o adestramento, que tivo como escenario un encharcado campo de Príncipe Felipe, o que aconsellaba máis a prudencia para non engrosar as prazas na nutrida enfermaría granate. Aínda así, o equipo puido ensaiar algunhas cousas de cara ao partido cos herculinos, no que queren seguir dando satisfaccións á afección, ademais de certificar o seu bo momento de xogo e resultados.
Efectivos xustos, como dicimos, pero moral polas nubes tras as dúas vitorias alcanzadas, e ánimo para facer pleno, o que podería equivaler a meter a cabeza entre os catro primeiros da táboa, por primeira vez na tempada, ademais de afastar un rival directo. Esas eran as palabras do adestrador granate, Manu Fernández, ao termo do adestramento: "Tenemos que estar tranquilos. Aún no hemos hecho nada, porque seguimos fuera de los puestos de arriba, pero es verdad que si ganamos es un partido de seis puntos, los que sumemos y los que le restamos a un rival como el Deportivo".
Queda por ver se Manu apostará por repetir o once inicial de Bouzas, co único cambio obrigado de Richi polo lesionado Benja, ou se decide tamén dar entrada de inicio a Candela, por David García. Recordemos os nomes dos 16 xogadores dispoñibles e convocados para o partido que son: Edu, Paco, Adrián, Yago Vázquez, Miguel, David Feito, Caco, Pablo, Candela, Moreira, David García, Richi, Luismi, Pablo Carnero, David Pérez e Santi Domínguez.
En fronte estará un Deportivo B no que o seu técnico, José Luis Devesa, conta cun equipo novo e moi renovado, pero con xogadores de calidade, acompañados de homes con experiencia na categoría, e mesmo con participación na pretempada e adestramentos do primeiro equipo, ás ordes de Fernando Vázquez.