'Match ball' para o Teucro e xornada intranscendente para o Cisne
Por Redacción
A xornada de balonmán para os equipos pontevedreses que militan na División de Honra Prata ten unha tripla cita, ante o dobre compromiso ligueiro que afrontará a Sociedad Deportiva Teucro.
Especialmente importante antóllase o primeiro dos choques previstos para o equipo adestrado por Irene Vilaboa, e é que a visita do Amenábar Zarautz ao Pavillón Municipal dos Deportes (sábado 19 ás 19.00 horas) é a última oportunidade real que terá o equipo de sumar puntos reais para a segunda e decisiva fase da tempada, na que pelexará pola permanencia.
Nesa segunda fase só terán validez os puntos sumados ante rivais que pelexen polo mesmo obxectivo, e os vascos son actualmente quintos pero de perder poderían verse excedidos polo Alcobendas pasando a estar en postos da fase para evitar o descenso, todo cando só quedan dúas xornadas de competición na fase inicial da liga.
Menos trascendencia terá o duelo que só unhas horas despois (domingo, 12.30 horas) deberá afrontar de novo o Teucro, último clasificado, recibindo no Municipal un Guadalajara que é segundo e que ten pé e medio na pelexa polo ascenso. O cadro manchego será ademais o rival do vicedecano dentro dunha semana na última xornada.
Por esta mesma razón o outro equipo da cidade, un Club Cisne Balonmán que camiña sólido no liderado, non se xogará nada relevante na súa visita (sábado, 19.00 horas) á pista do Balonmano Soria, sétimo clasificado con 12 puntos e xa condenado a ir ao grupo pola permanencia.
A pesar diso os brancos queren manter o seu ritmo de competición e as boas sensacións ante un rival que "cando está ben lle pode poñer en problemas a calquera", defende o segundo adestrador cisneísta, Quiños.