O Arosa quere romper a mala xeira fóra da casa visitando o Navalcarnero
Por Almu Dapena
Saída complicada a que lle espera ao Arosa este domingo (16:30 horas), visitando a un esixente Navalcarnero situado na terceira posición da Segunda RFEF con 40 puntos e ao que gañaron no partido de ida na Lomba por 1-0.
Trátase de "un dos mellores equipos da categoría", afirma Jorge Otero, consciente das dificultades que están a atopar os arousáns para puntuar fóra de casa, onde levan un punto dos 12 últimos posibles.
"O noso planteamento non varía tanto como para que o equipo sexa tan diferente", indica, pero á fin e ao cabo ao equipo está a custarlle ser regular, mostrando en casa "unha liña case sempre ascendente" pero que "fóra nos está custando manter".
Os madrileños, en cambio, asentáronse na terceira praza da categoría, situación que ao técnico arlequinado non lle sorprende xa que considera que se trata de "un dos grandes equipos da categoría, con bos xogadores que nos van a requirir estar moi xuntos e facer bo traballo defensivo".
É por iso que Jorge Otero ten claro o que debe facer o Arosa. "Temos que defender cando non temos o balón", o Navalcarnero "combina moito, ten moitos xogadores en zona de balón e temos que estar moi ben armados para cando teñamos o balón facerlles dano". De feito, a intención de Otero é "arriscar en momentos puntuais", aproveitando a subida dos laterais rivais e buscar "espazos nas súas costas".
O cadro de Vilagarcía, ademais, chega revitalizado despois da última xornada na Lomba a pesar de ceder un empate no desconto contra o líder da categoría, o Unión Adarve, fronte ao que mostrou unha imaxe case impecable. "Tivemos moitas ocasións e en aspecto defensivo estivemos francamente ben. É unha liña que hai que manter e que seguir", recoñece Otero.
O Arosa viaxará a Madrid con todo o persoal fóra de Róber e Pedro García que seguen lesionados. Pola súa banda, Pedro Beda, Cotilla, Porrúa, Ross e Nuño teñen catro amarelas, polo que a súa presenza periga no duelo da próxima xornada na Lomba contra o Avilés.