8M | O deporte feminino en Galicia supón menos do 24% das fichas federadas
Por Diego Espiño
Cal é a situación actual do deporte feminino en Galicia? Coincidindo co Día Internacional da Muller miramos cara aos datos do último Anuario de Estatísticas Deportivas elaborado polo Ministerio de Cultura e Deporte para tentar sacar algunha conclusión respecto diso. Trátase dun documento publicado en 2021, aínda que con datos referentes ao ano anterior.
Nese estudo sinálase que Galicia conta cun total de 281.561 deportistas federados, dos que só o 23,76% son mulleres con 66.897 licenzas tramitadas polas diferentes federacións deportivas.
Mergullando polo anuario atópanse cifras rechamantes, como as que sinalan ao fútbol como o deporte con maior número de licenzas femininas na Comunidade, con 6.606 fichas aínda que supoñendo só o 7,05% do total de futbolistas galegos federados ao ser tamén a disciplina cun maior número de practicantes masculinos.
Pola contra na ximnasia, que conta entre as súas diferentes modalidades con 5.644 deportistas en Galicia, as mulleres son abafadora maioría cun 93,36% do total de licenzas (5.269). A porcentaxe tamén é elevado no baile deportivo (77,29% do total aínda que con só 621 licenzas), e supera o 50% en patinaxe (66,1% con 4.186 mulleres federadas), voleibol (60,6% con 3.632 fichas femininas) e natación (52,79% con 2.652 licenzas) entre os deportes con maior número de practicantes.
As cifras de mulleres deportistas son tamén importantes en deportes de equipo como o balonmán, onde supoñen o 41,64% de fichas cun total de 4.983 mulleres; e o baloncesto co 32,33% e 5.521 deportistas federadas; mentres que o atletismo conta con 3.689 mulleres practicantes (43,06%), o pádel con 2.081 (39,5%) e o piragüismo con 1.294 (30,77% do total).
Son só algúns dos números que reflicte o Anuario do Ministerio de Cultura e Deporte pero que resultan significativos, porque se avanzou moito co paso dos anos na presenza da muller no deporte pero aínda queda moito camiño por percorrer.