O Mariano González, un estadio de grato recordo para o Pontevedra e para Álex González
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol afrontará o vindeiro domingo 3 de abril (17.00 horas) o que quizais sexa o encontro máis complicado sobre o papel do que resta de campionato, coa obrigación de non fallar para seguir metendo presión ao Unión Adarve na pelexa polo liderado, e é que os granates se medirán ao terceiro clasificado, un CDA Navalcarnero que é o segundo mellor equipo como local esta campaña tras o propio Adarve cedendo un único encontro na casa, e encima farano sobre unha superficie artificial que tantas veces atragoouse.
Con todo o Estadio Mariano González é un terreo de xogo de grato recordo para os granates, que só o visitaron en dúas ocasións en liga sen coñecer a derrota, cun empate (1-1) ao comezo da campaña 18-19, na xornada 3, e un triunfo un ano antes (0-2), vitoria esa si que resultou decisiva no tramo final do campionato (xornada 33) e coa permanencia en xogo, xa que os granates chegaban en postos de descenso.
Daquel partido sobreviven só dous xogadores do actual plantel, o central canteirán Pacheco, que estivo no banco, e o capitán Álex González, autor do primeiro gol do choque. "Teño bos recordos, porque ese ano ademais fomos xogándonos a vida en posición de descenso, sen sumar case fóra da casa e fomos capaces de gañar a un equipo que estaba cuarto. Foi un dos partidos que nos levou a salvarnos, e por encima marquei", rememora o 7 granate.
Na 17-18 o céspede artificial atragoábaselle ao equipo pontevedrés, que antes de plantarse en Navalcarnero sumaran só 2 puntos de 12 posibles nesa superficie. Non dista moito desta campaña, aínda que os de Ángel Rodríguez conseguiron vencer en Langreo só sumaron 4 puntos de 15 sobre verde sintético (empate o Bergantiños e derrota contra Adarve, Leganés B e Llanera). Con todo "ao final non hai que mirar, son datos que están aí pero cando empeza o partido non pensas que se o céspede artificial, se hai dous anos gañaches, se o equipo está moi ben en casa ou fóra, ao final imos tentar competir e levarnos os tres puntos que son moi importantes", defende Álex.
O extremo do Pontevedra asegura que, a pesar de que o calendario sinala que o Navalcarnero trátase do equipo con mellor clasificación ao que deberán medirse no tramo final de liga, "non miramos máis aló", sobre todo porque "a estas alturas todos os equipos están a xogarse algo e ningún vai ser fácil".
Pontevedra e Navalcarnero só se cruzaron ata a data tres tempadas na Segunda B ou Segunda RFEF, cinco partidos nos que polo momento os granates non coñecen a derrota con dúas vitorias (0-2 na 17-18 e 2-0 un ano despois en Pasarón) e tres empates (un no Mariano González e dous na cidade do Lérez, incluíndo o da primeira volta este mesmo curso). A iso súmase unha elminatoria na Copa Federación 18-19 con sendas igualadas (0-0 en Pasarón e 1-1 na comunidade madrileña).