O Naval de Pontevedra triunfa na primeira regata da liga Eurorresión de piragüismo
Por Redacción
O Centro Deportivo David Cal de Verducido, no encoro de Pontillón do Castro, foi escenario este domingo 10 de abril da primeira regata da liga Eurorresión, coa presenza de equipos galegos e portugueses.
Trátase dunha competición para as categorías xuvenil, sénior e sub-23 nas distancias de 1.000, 500 e 200 metros en modalidade individual.
Ao termo da xornada, a clasificación por equipos finalizaba co Club Naval de Pontevedra en primeira posición, seguido da E.P. Ciudad de Pontevedra e o Club As Torres.
Nas finais de 1.000 metros o medallista olímpico portugués Fernando Pimenta levaba a vitoria en K-1, por diante de Antonio Palmás do Piragüismo Vilaboa e Iago Monteagudo do Naval de Pontevedra, mentres que en C-1 a primeira posición sería para David Barreiro do Breogán, sendo segundo e terceiro respectivamente Jaime Duro da E.P. Ciudad de Pontevedra e Diego Miguéns do As Torres. En categoría feminina o ouro en K-1 levoullo a padeeira do Fluvial de Lugo Szilvia Kollo, a prata e o bronce foron para Emma Vía do Ría de Betanzos e Lúa Cubiella do Náutico O Muiño.
En canto ás finais de 200 metros o portugués Hugo Rocha terminou en primeiro lugar en K-1, con Javier Benito do Ría de Betanzos segundo e terceiro Miguel Ordóñez de Piragüismo Rías Baixas. Szilvia Kollo repetía vitoria no K-1 feminino, Lúa Cubiella segunda e alería Romero do Cidade de Lugo terceira. Na modalidade de canoa, Pablo Graña do Náutico Rodeira levou o ouro en C-1, acompañáronlle no podio Manuel Fontán do Náutico O Muiño e Luís Guerra do Fluvial de Lugo. María Pérez do Náutico O Muiño impoñíase a Carla Sieiro do Piragüismo Poio e Antía Romero do Piragüismo Rías Baixas na final feminina.
Pecharon a xornada as finais de 500 metros onde Fernando Pimenta volvía gañar en K1, Antonio Palmás segundo e Adrián Prada do Piragüismo Verducido terceiro. O podio da final feminina completábano Begoña Lazkano, Laia Pelachs e Carolina García, esta final contaba coa presenza de Teresa Portela que finalizou en cuarto lugar. Adrián Sieiro do Piragüismo Poio gañou en C-1, Manuel Fontán sería segundo e Pablo Graña terceiro. En mulleres María Pérez levaba a vitoria por diante de Antía Romero e Andrea Romero do Náutico Firrete.